A Conselleira do Medio Rural, Dª María José Gómez, e a directora de AGADER, Dª Paz Rodríguez, visitaron hoxe o Centro Terapéutico de AGADEA en Vedra, onde puideron coñecer de primeira man os programas de atención e acompañamento que a entidade desenvolve con persoas con alzhéimer no rural galego.
No acto, Gómez valorou e agradeceu o traballo desta asociación, que segundo salientou contribúe de xeito moi positivo e directo a mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade, ao mesmo tempo que ofrece unha rede de apoio para os seus familiares. Ademais, a conselleira puxo en valor que este traballo se realice “dende o rural, achegando o servizo onde máis se precisa”. E engadiu que deste xeito se favorece unha atención a estas persoas no seu lugar de residencia, sen necesidade de que teñan que trasladarse á cidade ou prescindir del.
Na mesma liña, Gómez subliñou que Agadea desenvolve actividades de rehabilitación no fogar dos usuarios e tamén en instalacións como esta de Vedra, un centro de día para persoas maiores con servizo de estimulación terapéutica. Asemade, remarcou que esta entidade social atende a máis de 600 persoas en nove concellos da Contorna de Santiago de Compostela.
A conselleira puido coñecer in situ os servizos que presta a entidade, así como as actividades terapéuticas, os programas de estimulación e as dinámicas comunitarias que se realizan a diario. Ademais, a titular de Medio Rural mantivo un breve encontro coas persoas usuarias e co equipo de profesionais que os atende.
A presidenta de AGADEA, Isabel Gey, agradeceu a visita institucional e salientou que “o recoñecemento do Premio ao Desenvolvemento Rural 2024 non é só un motivo de orgullo, senón tamén un impulso para seguir traballando coas persoas, nos seus lugares de orixe e coa dignidade que merecen. Aquí traballamos cada día con terapias que manteñen a autonomía, fomentan a autoestima e fortalecen os vínculos. A visita de hoxe foi tamén unha forma de visibilizar ese esforzo colectivo”.
Con máis de 30 anos de traxectoria, AGADEA continúa apostando por unha atención centrada na persoa, no territorio e nos valores comunitarios que fortalecen o rural galego.







