O pasado venres, as persoas usuarias dos Centros Terapéuticos de AGADEA en Padrón e Vedra e un dos grupos de ACTIVA-T de Santiago de Compostela, participaron nunha actividade moi especial xunto con 50 alumnos e alumnas do Colexio Cluny de Santiago de Compostela. A visita tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e enmarcouse dentro do proxecto SENDA SOCIAL, unha iniciativa que promove o encontro interxeracional e a educación en valores a través da memoria e o coidado.

Durante a xornada, maiores e mozos e mozas compartiron unha visita guiada conxunta ao museo, na que dialogaron sobre os cambios na escola ao longo do tempo e exploraron as transformacións sociais desde distintas vivencias e perspectivas. A proposta buscaba fomentar a empatía, o respecto mutuo e a aprendizaxe compartida entre xeracións.
O proxecto SENDA SOCIAL, impulsado por AGADEA, ten como obxectivo tecer pontes entre a mocidade e as persoas maiores, recoñecendo o valor dos recordos, da transmisión oral e da inclusión activa das persoas con demencia en espazos culturais e educativos.
Desde AGADEA queremos agradecer ao Colexio Cluny e ao MUPEGA a súa colaboración e implicación para facer posible esta experiencia tan enriquecedora e chea de significado.







