Esta mañá, a Biblioteca Ánxel Casal acolleu un acto literario moi especial con motivo da celebración do Día Internacional do Libro: a presentación pública das obras premiadas na III edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, promovido por AGADEA ALZHÉIMER.

Durante o encontro, compartiuse co público o espírito destas obras que combinan sensibilidade, memoria e coidado desde a mirada da infancia. O evento contou coa participación das autoras, representantes institucionais e das editoriais colaboradoras, así como de numeroso público que encheu o auditorio.

As protagonistas foron:

🏆 Obra gañadora: O nobelo de Nenuca, de Irene Alonso Gasalla e Ángela Curros, editada por Cuarto de Inverno.
🧶 Accésit: A avoa canta como a cotovía, de Celia Díaz Núñez, publicada por Editorial Galaxia.

Tamén interviñeron no acto a presidenta de AGADEA, Isabel Gey, o presidente do xurado Francisco Castro, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística María Coutinho, así como Andrea Jamardo e María Pereira, en representación das editoriais colaboradoras.

As autoras compartiron co público os procesos creativos das súas obras e a súa conexión emocional coa memoria, a infancia e as persoas maiores. A xornada pechouse cunha emotiva actuación musical a cargo do grupo SanArte.

Aproveitouse o acto para lembrar que segue aberta a convocatoria da IV edición do Premio Simbad, cun prazo de recepción de obras ata o 1 de xullo de 2025. As bases poden consultarse en www.agadea.org.


Sobre o Premio SimbadO Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer naceu para promover o valor da memoria e do coidado desde a literatura infantil. Está dirixido a obras inéditas en lingua galega para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, en calquera xénero.

A persoa gañadora recibe un premio de 3.000 euros, e AGADEA comprométese a adquirir 100 exemplares da obra para a súa difusión en centros educativos e bibliotecas.