Nota: Por erro de transcrición, nas bases figuraba como ano 2026. O correcto é 2025. Lamentamos as molestias.

A asociación AGADEA ALZHÉIMER CONVOCA o IV Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer e faino coa vontade de concienciar a sociedade sobre a enfermidade do Alzhéimer e outras doenzas varias que comparten a deterioración cognitiva e a perda da memoria e da identidade, ao tempo que quere  facer reflexionar sobre  a invisibilización e a estigmación deste colectivo de persoas enfermas, así como salientar a entrega, o desgaste e a importancia da figura do coidador/a, a necesidade de xerar vínculos de afecto e empatía co resto da sociedade e, sobre todo, no que nos ocupa neste premio, a necesidade de establecer unha relación entre nenos e nenas e os maiores enfermos, pois está constatado que o apego e o coidado favorecen a mellora da saúde dos doentes.

Así, dende Agadea Alzhéimer queremos contribuír á creación de textos literarios con esta temática porque cremos que, a través da palabra literaria como ferramenta que cura, podemos forxar a necesaria implicación de todos os elementos da sociedade, que desenvolva o apoio e a necesidade da investigación científica e conciencie e implique nesta realidade o mundo dos máis pequenos.

Xa que logo, con esta finalidade nace o premio en lingua galega SIMBAD PARA O RECORDO E O ALZHÉIMER, que conta coa axuda da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e das concellerías de Servizos Sociais e Educación respectivas dos concellos de Santiago de Compostela, A Estrada, Ribeira, Boiro, Cuntis, Padrón, Rianxo, Teo, Trazo, Vedra e Val do Dubra, concellos onde temos actualmente sedes dos nosos centros abertos.

O premio está rexido polas seguintes bases:

  1. O premio, de carácter anual, abre o prazo para o envío dos orixinais o día 6 de febreiro de 2025, día a partir do cal se poderán enviar os orixinais e pecha o prazo de entrega dos ditos orixinais o día 1 de xullo. Será ao longo do mes de setembro co gallo do Mes do Alzhéimer cando se realice o fallo do xurado.
  2. O núcleo temático da obra xirará arredor da enfermidade do Alzhéimer e outras doenzas próximas de deterioración cognitiva, así como todos os elementos que xiran arredor delas, os xa mencionados  (invisibilización e a estigmación deste colectivo, a importancia da figura do coidador/a, a necesidade de xerar de afecto e empatía da sociedade, a necesidade da relación entre os nenos e nenas e os e os maiores, a necesaria implicación de todos os elementos da sociedade e o apoio e a necesidade da investigación científica), aínda que tamén terá cabida tamén calquera outro tema relacionado con esta doenza.
  3. Os orixinais deberán vir redactados en galego, na normativa oficial actual para a lingua galega aprobada pola Real Academia Galega.
  4. Excluiranse do premio obras traducidas de autores e autoras que non demostren competencia lingüística no idioma galego.
  5. Poderán presentarse ao premio autores/as que teñan cumpridos os dezaoito anos, de calquera nacionalidade cuxa obra estea escrita en galego por eles.
  6. Os textos deberán ser orixinais, estaren inéditos e poderán pertencer a calquera dos seguintes xéneros propios da literatura infantil: novela, poesía, teatro, álbum ilustrado e novela gráfica, sempre respectando o código de literatura infantil e coas claves de seu que esta literatura comporta.
  7. Establécese un único premio dotado con 3.000 €. O premio poderá quedar deserto, ser concedido con carácter ex-aequo; neste caso, o seu importe repartirase proporcionalmente entre as dúas persoas que resulten premiadas. Tamén se considera a posibilidade de nomear accésits, que non terán contía económica, pero para os cales o xurado recomendará a edición.
  8. A obra poderá ser publicada en calquera editorial galega que así o desexe, logo de chegar a un acordo co autor ou autora premiado. Dende a asociación Agadea Alzhéimer apoiaremos a edición da obra premiada coa compra de 100 exemplares, que serán repartidos entre os socios e socias dos nosos distintos centros e institucións cooperadoras. Tamén lle entregaremos á persoa gañadora vinte exemplares da obra editada para a súa difusión.
  9. O xurado estará formado por catro membros de recoñecido prestixio do mundo da literatura infantil e xuvenil, así como por Francisco Castro, presidente ad honorem do premio SIMBAD PARA O RECORDO E O ALZHÉIMER en agradecemento á súa obra referencial e pioneira no mundo do Alzhéimer en Galicia, Chamádeme Simbad.
  10. As obras presentaranse, preferentemente, en soporte dixital USB/CD, e noutro sobre a plica na que figuren os datos persoais e un teléfono de contacto, así como a declaración de orixinalidade  e non edición nin difusión pública. O sobre que contén a plica e mais o USB será enviado á nosa sede  de Agadea Santiago: rúa  de Salgueiriños de Abaixo, nº 15. 15704 Santiago de Compostela (A Coruña),  indicando no exterior IV Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. Tamén poden enviarse en formato papel coa presentación de 5 exemplares perfectamente grampados, cosidos ou encanutillados, acompañados dun sobre que conteña a plica cos datos anteriormente mencionados.
  11. Non poderá presentarse ao premio ningún dos gañadores e gañadoras das tres edicións anteriores.
  12. Non se devolven os orixinais, nin se mantén correspondencia cos participantes.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025