O concello de Teo contará, a partir do 14 de marzo, dun servizo gratuito de Estimulación Terapéutica, dirixido ás persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexerativas.

Ata dez persoas se beneficiarán deste servizo municipal, que nace froito da cooperación entre Agadea e a concellería de Benestar e Igualdade de Teo e que permitirá frear a desorientación e déficit cognitivo que acarrea esta doenza neurolóxica.

Con este fin aplicaranse técnicas de psicoestimulación cognitiva, xerontoximnasia, así como actividades lúcidas e socializadoras que favorecen a independencia e autoestima dos usuarios. A súa vez conseguen que as capacidades non dañadas se manteñan o maior tempo posible. Tamén se ofrece asesoramente ás familias.

Estas terapias serán impartidas por psicólogas de Agadea todos os martes de xoves, entre as 16.00 e as 19.00 horas na Casa Común de Cacheiras. Antes de participar no programa os profesionais de Agadea levarán a cabo unha valoración da persoa para distinguir o seu grao de afectación.

A Traballadora Social de Agadea Alzhéimer, Lucía Fandiño e o concelleiro de Benestar e Igualdade, Ignacio Iglesias, presentaron este novo Servizo de Estimulación Terapéutica ao ámbito sanitario do concello de Teo. Concretamente visitaron o Centro Médico de Calo onde mativeron unha reunión co persoal médico ao que puxeron ao corrente desta nova posibilidade asistencial para os veciños e veciñas da zona. Por outra banda, o vindeiro 13 de marzo, ás 20.00 horas, na Casa Común de Cacheiras persoal especialidado de Agadea e de Servizos Sociais do concello pronunciarán unha charla informativa aberta a todos os interesados e co posibilidade de solvertar calquera tipo de dúbida.

Agadea Alzhéimer conta cunha ampla experiencia na prestación deste servizo con centros en Santiago, A Estrada, Vedra, Ribeira e  cun Centro de día en Ribeira e outro de próxima apertura na Estrada. Agadea celebra neste 2019, vintecinco anos de traballo a favor dos enfermos con demencia tipo alzhéimer.